lunes, 12 de abril de 2010

A Xente de Bronce (VIII)

O grao de consumo de viño dependía en gran medida do nivel salarial do traballador, determinado nomeadamente pola súa cualificación profesional. Herminia Pernas indica que os chocolateiros adoitaban tomar viño e se podían permitir comer carne de vaca e de porco, xa que as moendas –moitas veces a domicilio- estaban ben retribuídas. Pola contra, os curtidores, que percibían un xornal moi cativo, tomaban viño moi poucas veces, coa salvidade dos días festivos. Nesta orde de cousas, a embriaguez popular, como a crítica da taberna, era unha das teimas dos moralistas decimonónicos. En realidade, aínda que é certo que había obreiros que abusaban da bebida, polo regular non adoitaban cometer grandes excesos. E como apuntaba un hixienista lucense, as veces os obreiros mareábanse bebendo, pero non porque inxeriran unha gran cantidade de alcohol, senón porque tiñan baleiro o bandullo. É dicir, por veces, embriagábanse máis por comer pouco que por beber moito. Non se razón, Oscar Wilde puxo en entredito coa súa aguda ironía o vello discurso moralista; deste xeito, deixou dito que: “Non é a bebida a maldición das clases traballadores, senón o traballo a maldición das clases bebedoras”.
Paul Combes, en El libro del ama de casa (1913), referíase á problemática da bebida irresponsable dalgúns traballadores, pero facendo gala dun enfoque excesivamente optimista no que atinxe a dieta do traballador. Sinalaba, en efecto, que: “El obrero que ha bebido de un golpe la mitad de su salario, deberá sujetarse a no comer, durante algún tiempo, más que un pedazo de pan y una cebolla. El ama de gobierno, que tan buena cliente se mostró de los grandes comercios, tendrá ¡ay! que añadir mayor cantidad de agua a su vino y al de su marido, reemplazará el biftec por patatas, las frutas de la estación por un trozo de queso, y suprimirá, según la necesidad, hasta el café”[1]. Esta conduta desconsiderada dos varóns proletarios, suscitaba anguria nas súas mulleres que en ocasións, nos días de paga, agardaban aos seus homes no camiño entre a fábrica e a taberna para tentar de interceptalos e recoller o xornal antes de que fora tarde de máis. Ou ben, cando xa levaban tempo bebendo cos amigos na tasca, mandaban a un fillo a que os fora procurar, tratando de que non permaneceran demasiado tempo de bebedela, facendo así un gasto excesivo.
Segundo algúns testemuños, eran abondosos os integrantes dos gremios de canteiros e curtidores que almorzaban cunha parva de boroa e augardente. Claro está que non era este un costume exclusivo de tales sectores. Velaquí unha explicación, do ano 1885, moi comprensiva para con esta práctica; en realidade constitúe case unha xustificación do traballador inclinado a este xénero de parvas: “A veces, la necesidad le obliga en las madrugadas a tomar una copa de aguardiente para dar calor al estómago y excitación a sus miembros antes de empezar el trabajo”. A augardente era un produto que resultaba caro, bastante máis custoso que o viño, e de feito nalgúns anos o seu prezo case chegou a duplicar o do mosto.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 12/03/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario