lunes, 12 de abril de 2010

A Xente de Bronce (XI). A Tarteira Proletaria

A xornada laboral tan extensa como era a da clase traballadora, mesmo sen descanso dominical (ata que se implantou por lei no ano 1904), deixaba pouco tempo para o ‘convivium’ familiar arredor da mesa. A encontro familiar comezou a ser algo máis doado a partires de 1919, no que foi aprobada polo gabinete liberal de Romanones a redución legal da xornada de traballo a oito horas na industria (que, porén, foi aplicada de xeito desigual, e polo regular bastantes anos despois en diversos sectores). A familia proletaria viuse afectada de xeito crónico por unha certa desorganización e mesmo desestruturación, por mor da sobrecarga de traballo da maior parte dos seus integrantes, que tiñan que aterse a horarios distintos, non sempre doados de compaxinar. Homes e mulleres proletarios víanse na obriga por veces de comer na obra, na mesma vía pública, ou nalgunha tabernucha cercana. Era unha estampa moi habitual a da muller ou a filla do traballador camiñando pola rúa para levarlle a comida nunha tarteira anoada cun paniño derredor. Facían o posible para que o operario puidese comer quente. Nalgunha ocasión festiva, os traballadores permitíanse un xantar máis aquelado. Agora ben, sería unha hipérbole cualificar como banquetes as celebracións das vodas populares. Así, nas celebradas en Trives, os conxugues, e se cadraba tamén os padriños, tomaban nas casa chocolate con biscoitos. Había mestres, que por titulación formaban parte da clase media pero polos seus exiguos recursos resultaban asimilables aos sectores populares, que facían outro tanto. Así, en 1901 tivo lugar o primeiro matrimonio homosexual en España. No templo de San Xurxo, de A Coruña, a moza Marcela Gracia, de 29 anos de idade, casou con Mario Sánchez, de 32 anos, que en realidade era unha muller: Elisa. Pois ben, as dúas eran mestras e celebraron o enlace tomando un desaiuno a base de chocolate na casa da muller que foi de testemuña. Os sectores obreiros e labregos asemellábanse no que atinxe ao cultivo dunha gastronomía que posuía un substrato cultural común. Ambos os dous tipos de cociñeiras dispuñan de pouco tempo para dedicar á culinaria. Practicaban unha gastronomía igualmente básica e sinxela. Nos procedementos, predominaba a cocción sobre a fritura. As cociñeiras proletarias cociñaban nunha lareira, ou ben nunha modesta cociniña de carbón ou de leña, que por veces se alimentaba con serrín, que se vendía máis barato. Noutros casos, o que había era un forniño de gas ou eléctrico (por esta última fórmula optaban no caso de que conseguiran trucar o contador da luz, cousa moi corrente; porén, non adoitaban confiar na cociña eléctrica por mor dos constantes cortes de luz que se producían). Polo demais, nas pitanzas populares producíase certo grado de mestura entre os alimentos e unha variable combinatoria nos pratos (non estaba tan rixidamente establecido o que era o primeiro, o segundo, etc. como sucedía noutros ambientes sociais), e mesmo no ritmo en que ían comendo os distintos membros da familia. A sociabilidade popular presentaba un nidio cuño patriarcal. O home presidía a mesa e gozaba dunha dieta privilexiada con respecto a súa dona.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 02/04/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada