martes, 18 de enero de 2011

CURSO DE CULTURA DO VIÑO, AYMERIC PICAUD (CÓDICE CALIXTINO) O VIÑO NO CAMIÑO DE SANTIAGO

CURSO 1º DE CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA
5ª SESIÓN: AYMERIC PICAUD (CÓDICE CALIXTINO) O VIÑO NO CAMIÑO DE SANTIAGO
Lugar: Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47. Santiago).
Data: Mércores, 19 de Xaneiro, ás 20 horas.
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Adega invitada: Amadeo Salgado Cid (D. O. Monterrei)


PRESENTACIÓN:
A próxima sesión do Curso de Cultura do Viño, Literatura e Musica vai estar dedicada a Aymeric Picaud, monxe de Poitou que peregrinou a Santiago no século XII e logo escribiu a Guía do Peregrino, que forma parte do Códice Calixtino. Nesta obra alude a diversos aspectos de interese para os peregrinos e alude a salubridade das fontes, aos xantares e tamén ao viño, o pretiosus baccus que entraba na cidade de Compostela pola porta de Mazarelos, e –no dicir de Cunqueiro- na vila xacobea melloraba polo efecto máxico do son de bronce da campá da torre Berenguela. Posteriores testemuños da peregrinación, de autorías diversas, abundan nestas cuestións: os de Alejo Carpentier, Pierre Barret e J. N. Gurgand, Nicola Albani, Walter Starkie e, ao cabo, Paulo Coelho e Álvaro Cunqueiro.
Os comentarios do director do curso, Xavier Castro (autor de A rosa do viño, A la sombra ejemplar de los parrales) e os recitados de María Outes, darán conta da cultura do viño no Camiño de Santiago. Combinaranse estas exposicións coa audición de obras musicais que gardan relación co universo xacobeo e a procura de viño (que os viaxeiros adoitaban levar na cabaza a guisa de carburante e tónico), como poden ser as cantigas e máis os romances medievais, entre os que salienta pola calidade poética o de Don Gaiferos, en versión de Faustino Santalices (acompañado coa zanfona), e a quizais máis lírica de Amancio Prada. Previsiblemente, algunha das cancións propiciará a entrega dos asistentes ao canto coral.
Mais convén tamén mollar a palabra e, deste xeito, as glosas e recitados iranse entreverando co paladeo dos gorentosos viños da adega Amadeo Salgado Cid (D. O. Monterrei). Servirase tamén un compango de castañas, queixo do Cebreiro –recompensa que recibía por veces o peregrino ao chegar á porta do camiño en Galicia-, e rexos friames de porco celta, apoiados en pan de millo e molete de trigo, que a todo isto da dereito a inscrición (10 Euros).
Ao cabo, farase un concurso de creación literaria centrada na importancia do viño no camiño. O gañador obterá como premio unha acreditada botella de viño e máis un libro.

(Para máis información sobre os cursos, teléfonos: 665 212 825 / 981 565 122 / 609 653 228. E-mail: lardasmeigas@gmail.com / franciscojavier.castro.perez@usc.es/ Páxina Web: www.lardasmeigas.com)

No hay comentarios:

Publicar un comentario