domingo, 30 de enero de 2011

Hemingway e o Viño

Ernest Hemingway, como os restantes integrantes da ‘Xeración Perdida’: Faulkner, Scott Fitzgerald, Dos Passos, etc., foron rexos bebedores. Gertrude Stein, que foi quen acuñou a indicada expresión, quería significar con ela que eran uns mozos que: “No le tienen respeto a nada. Se emborrachan hasta matarse...”, como recolle o mesmo Hemingway nas súas memorias ficcionadas ‘París era una fiesta’. O autor de ‘O vello e o mar’, gustaba indudablemente da bebida nas súas diversas expresións, pero tamén a precisaba para sobrelevar a dureza do traballo de escritor que trataba de espremer o seu talento para trasladar aos seus relatos o mellor do seu ser. Os creadores auténticos, como era Hemingway, experimentan unha gran tensión na procura artística, e encontraban no alcohol un apoio para afrontar a ruda e esixente tarefa. A concentración que require a escritura dunha novela, o ímprobo esforzo prolongado no tempo que compre realizar mantendo as baterías cargadas sen permitir que se extinguise a auga no fondo do pozo da creatividade, provocaba en Hemingway una ansiedade considerable. Deste xeito, tras da xornada de traballo que adoitaba realizar polas mañáns (momento preferido por innumerables creadores, como quedou plasmado dun xeito paradigmático no intelectual de Muerte en Venecia) o recurso a bebida era para Hemingway un expediente necesario para descansar, evitando proseguir coa obsesión do argumento do relato en construcción. E tamén para esquecer que ao día seguinte, de mañá cedo, tería que voltar novamente a poñer o seu espíritu en incandescencia diante da folla de papel en branco. O premio Nobel fala moito do viño nas súas obras. Describe os viños sen requintamento, dun xeito espontáneo e pragmático (case diríamos: como bo ianqui que era) indicando os que lle agradaban e adoito tamén a maridaxe que lle parecía máis axeitada como acompañamento. Por certo que causáronlle moi boa impresión os “viños do país” cando os coñeceu en Galicia, segundo puxo de manifesto Carlos Casares no ensaio que dedicou a esta cuestión (‘Hemingway en Galicia’) no que ademais deu a coñecer unha interesante correspondencia. Gustou tamén dos xantares galegos e tivo a ben permañecer unha boa temporada en Santiago para disfrutar dunha cidade que consideraba como a máis bela das españolas, e calificando por certo a súa catedral como a máis fermosa do mundo.
O viño tamén era para Hemingway un xeito de premiarse cando o traballo tiña ido ben. Como de costume, ao rematar un conto sentíase baleiro, a un tempo triste e contento, como se tivera feito o amor, mais naquela ocasión estaba ben certo de que conseguira escribir un bo conto, aínda que para comprobar ata que ponto era bo tiña que agardar ata relelo o día seguinte, coa mente despexada. Entón premiouse, e este foi o efecto tónico que o viño exerceu no seu ánimo: “Comiendo las ostras con su fuerte sabor a mar y su deje metálico que el vino blanco fresco limpiaba, dejando sólo el sabor a mar y la pulpa sabrosa, y bebiendo el frío líquido de cada concha y perdiéndolo en el neto sabor del vino, dejé atrás la sensación de vacío y empecé a ser feliz y a hacer planes”.
(Publicado en Galicia Hoxe, 28/01/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada