miércoles, 12 de enero de 2011

Valle-Inclán e o Viño

Antonio Machado afirmaba que: “Nunca fue Don Ramón, ni aún en los tiempos de su mayor penuria, un bohemio a la manera desgarrada, maloliente y alcohólica de su tiempo. Don Ramón no bebía más que agua, sin presumir de abstemio (él sabía muy bien que la mera carencia de vicios no supone virtud), sin que su ‘sequedad’ le inclinase a eludir el trato con los húmedos, cuando los ‘húmedos’, como el gran Rubén Darío, tenían talento (...) nadie llevó la pobreza y la mala fortuna del literato español, con mayor dignidad y más carencia de toda mendiguez que nuestro Don Ramón”.
Temos, polo demais, unha evidencia de Valle-Inclán en calidade de bebedor de viño, suxeito a unha pauta nada inmoderada nin escandalosa, aportada por Ramón Gómez de la Serna. O autor da greguerías gustaba da compaña, tanto na tertulia do Pombo como por doqueira, de persoas que “no me gastan la vida sino que me la ensanchan”. Escritor laborioso e incorrixible grafómano como era, poucas cousas detestaba máis que perder o tempo. Aínda máis: tentaba de aproveitar ben calquera momento; ser, nas súas palabras: “trapero del tiempo”. Lembraba o autor da ‘Automoribundia’ que, no devalar do primeiro decenio e pico do novecentos, acudira na grata compaña de Valle-Inclán a algúns ‘figones’ madrileños. Víñanselle entón ao maxín as verbas da Celestina, para quen: “No hay cosa más dulce ni más graciosa al muy cansado que el mesón”. Se cadra, foi de camiño cara un destes por unha beirarrúa estreita, cando se encontrou de fronte cun avinagrado detractor que se lle plantou diante e espetoulle o seguinte: “-Yo no cedo el paso a un botarate como usted”. E Valle, moi cumprimenteiro, baixou da beirarrúa e movendo o brazo cun irónico aceno concesivo, retrucou: “-Pues yo sí”.
Gómez de la Serna non esquece consignar que Valle sabía gozar en tales figóns de: “los condumios de la pobreza”. Deste xeito, celebraban neles: “fiestas de poco coste, pero de lograda cordialidad, independencia y risa libre”, que mercé á “abnegación del escritor” foron fermosas e encheron non só a alma senón tamén a andorga. Creábase así un clima de grata cordialidade, ata o punto de que: “Yo le he visto a don Ramón temblar de gozo y sentirse entronada en alguno de esos chamizos cuya suculencia era más inventada por nosotros que verídica”. E engade unha interesante precisión, sinalando que nun deles, de modestísima categoría, tomaron: entremeses, asado e “vino de pura sangre”.
Máis moderada aínda debeu ser a afección de Valle-Inclán polo viño na etapa de home casado e xa consagrado como artista. Semella que os seu fillos o adoraban, pois foi con eles un pai atento e mesmo cariñoso, dun xeito moi pouco usual para o que era o patrón dun proxenitor da época; neste senso, foi un dos que anticiparon o modelo de paternidade actual. Un testemuño referido ós seus fillos refería que: “Ellos no recuerdan ningún abrenuncio de su padre, pues no abusaba del vino ni de los licores, y sólo una vez volvió a casa un tanto raro y lo notaron porque llegó riéndose, cuando él sólo se sonreía, y llamó a Josefina, ‘Josefinita’”.
(Publicado en Galicia Hoxe, 24/12/2010)

No hay comentarios:

Publicar un comentario