martes, 25 de enero de 2011

CURSO DE CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA: HEMINGWAY E O VIÑO

CURSO 2º DE CULTURA DO VIÑO, LITERATURA E MÚSICA
5ª SESIÓN: ERNEST HEMINGWAY E O VIÑO
Lugar: Lar das Meigas (Rúa do Vilar, nº 47 Baixo. Santiago).
Data: Mércores, 26 de Xaneiro, ás 20 horas.
Condutor da Sesión: Xavier Castro
Adega invitada: (Aldea de Abaixo. D.O. Rías Baixas. O Rosal.)

PRESENTACIÓN:
A última do 2º Curso de Cultura do Viño, Literatura e Musica vai estar dedicada ao Ernest Hemingway, renovador da prosa contemporánea, amante de lecturas, libros, viños e alcoholes plurais. Viaxeiro impenitente, estivo moi apegado a España e a súa esperanza republicana. Visitou varias veces Galicia e probou os seus caldos. Declaraba que Santiago era a cidade española que máis o impresionara pola súa belleza.
Os comentarios do director do curso, Xavier Castro (autor de A rosa do viño, A la sombra ejemplar de los parrales e A mesa e manteis), e as lecturas de María Outes, darán conta das características esencias da súa obra literaria e tamén das súas suxestivas referencias á cultura do viño. Combinaranse estas exposicións coa audición de obras musicais relacionadas co escritor americano e a cultura do viño, ilustradas con vídeos. Previsiblemente, algunha das cancións propiciará a práctica do canto coral por parte dos asistentes.
Mais convén tamén mollar a palabra e, deste xeito, as glosas e comentarios iranse entreverando co paladeo do viño branco da salientable adega Aldea de Abaixo, situada na comarca do Rosal (D.O. Rías Baixas). Servirase tamén un compango de castañas, queixo e friames de porco celta, apoiados en pan de millo e centeo, que a todo isto da dereito a inscrición (10 €).
Ao cabo, farase así mesmo un concurso de humor relacionado co universo do viño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario