miércoles, 12 de enero de 2011

Viño Tinto Galego

No ano 1843, Antonio Casares apuntaba que Espadeiro e Tinta Femia eran as variedades principais de uvas tintas no Salnés. Cónstanos tamén que entre as variedades de uva negra, no Partido Xudicial de Cambados, cara a fins do século XIX, predominaban “Espadeiro” e “Caiño”, como salientaba o Avance Estadístico sobre el cultivo de la vid en España, formado pola Junta Consultiva Agronómica, no ano 1889. Como é posible ollar, a variedade de uva tinta Espadeiro alcanzou gran difusión e relativamente boa reputación nestas terras, onde semella probable que se teña cultivado máis teimosamente que noutras comarcas de Galicia. Ata certo punto, a cepa e máis o mosto Espadeiro chegaron a adquirir un carácter emblemático na zona do Salnés, nunha época en que o viño tinto gozaba dun prestixio moi alto. Era “o viño” por antonomasia; teimuda proclama que Manuel Villaronga -bo coñecedor dos viños e as adegas da comarca Arousana-, tivo ocasión de escoitar repetidas veces en boca da xente. Este feito permite albiscar a razón que inducíu a Ramón Cabanillas a reparar, entre outras variedades posibles, na de Espadeiro, a cal lle dedicou uns versos laudatorios nos que ponderaba as súas cualidades e excelencia.
Existe algún indicio de que o viño Espadeiro gozaba de prestixio a escala de toda Galicia, formando parte do póquer de ases dos grandes viños do país. De feito, aparece mencionado entre os viños galegos representativos (entre os que, por certo, non se salientaba o albariño) que o Partido Galeguista histórico quería defender fronte á competencia dos foráneos. No ano 1934 o Partido Galeguista instaba ós consumidores galegos a adoptar unha actitude de defensa dos viños e demais productos esenciais para a economía do país: “O nacionalismo galego [... quere] construir unha patria. E unha patria pra esistir necesita contar cunha economía”. Laiábanse os galeguistas polo feito de que houbera moitos galegos que adoptaban un comportamento considerado cómplice con outras economías que competían abertamente coa galega. A todos estes ‘desleigados’, endilgáballes unha auténtica filípica: “Quen en Galicia toma aperitivos alleos, auga pintada con nomes pomposos en vez do noso insuperable blanco Ribeiro, é un enemigo da Patria. Quen, na mesa, bebe detestables viños extraños (e o comerciante que os ofrece denantes cos do país) en vez dos nosos Ribeiros, Valdeorras, ou espadeiro, ademais de non ter bon gusto, forxa a esclavitude de Galicia”.
Pedro Rial López apuntaba que as variedades clásicas, como o “Espadeiro” e o “Caiño” se atopaban en franco retroceso nos anos sesenta deixando paso a novas cepas, como “Alicante”, “Corín”, “Folla Redonda”, etc. que eran incuestionablemente máis produtivas aínda que os viños resultantes presentaban o inconveniente de resultaren lixeiros. A título ilustrativo, sinalemos que a produtividade media das cepas híbridas, no período 1953-1966, era de 190 hectólitros por hectárea. En contraste con isto, o promedio de produtividade das cepas tradicionais era notoriamente inferior; o rendemento da “Espadeiro”, por exemplo, situábase en 115 hl/ha.
(Artigo publicado en Galicia Hoxe, 07/01/2011)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada